Premio ao mellor póster MTE
1. Convocatoria.
Con motivo do XVI Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, o Máster Interuniversitario en Técnicas Estatísticas (MTE) das tres universidades galegas, co apoio da SGAPEIO, convoca o concurso Pósters MTE para póster de estatística e investigación operativa realizados por estudantes do devandito máster.
2. Participantes.
Poderán participar os/as estudantes matriculados/as no máster no curso 2022/23. A participación será a título individual, permitíndose unha única participación por estudante. Non haberá límite de concursantes para cada universidade.
Os participantes no concurso realizarán un póster de estatística e/ou investigación de operacións, nunha das seguintes categorías:
-
Categoría A: O alumnado de primeiro ou segundo curso que non defendese o TFM nin vaia facelo neste curso 2022/23, poderá facer un póster dun tema relacionado con algunha das materias cursadas, mesmo dalgún traballo que tivesen que entregar.
-
Categoría B: O alumnado que vaia defender o seu TFM no curso 2022/23, en calquera das súas convocatorias (xaneiro, xullo ou setembro), terá que elaborar un póster relacionado co seu traballo fin de máster.
3. Inscrición.
Para participar é necesario enviar un correo electrónico a congreso.sgapeio2023@udc.gal co asunto “Inscrición Pósters MTE”, incluíndo o formulario de inscripción en formato PDF, así como un breve resumo do póster presentado a concurso seguindo as plantillas do congreso.
Modelo LaTeX (con exemplo de gráfica en pdf) | ||||
---|---|---|---|---|
Modelo Word | ||||
Modelo OpenDocument |
Prazo de envío dos traballos (póster e resumo): 10 de setembro de 2023
Os traballos presentados en formato póster terán un espazo máximo de 1189 × 841 mm ou 33.1 × 46.8 in (formato A0). A organización proporcionará os recursos necesarios para a súa disposición.
4. Xurado e valoración dos pósters.
Cada póster será revisado de forma independente por dous avaliadores, que emitirán un primeiro informe de valoración. A organización do concurso, con base nestes informes, realizará unha preselección dos pósters presentados dentro de cada categoría que serán remitidos ó xurado para o seu veredicto.
Na valoración dos pósters, teranse en conta os seguintes aspectos:
-
Orixinalidade do tema.
-
A calidade e innovación na presentación do póster.
-
As conclusións e a análise crítica do póster.
O xurado estará composto por 5 membros: un representante do Comité Organizador do XVI Congreso da SGAPEIO, os coordinadores do máster e un representante dos departamentos con docencia no máster. A decisión do xurado será inapelable e os premios poderán ser declarados desertos por proposta deste. A resolución do xurado darase a coñecer mediante correo electrónico a todos os participantes e publicarase na páxina web do máster o 2 de outubro de 2023.
5. Premios.
Concederase un premio en cada unha das categorías. A cada póster premiado corresponderalle un ano de inscrición á SGAPEIO, así como a inscrición ao XVI Congreso da SGAPEIO. Tódolos participantes recibirán un diploma que acredite a súa participación no concurso.
6. Reserva de dereito.
A SGAPEIO reserva para si o dereito a modificar as condicións do premio sempre que concorra causa xustificada.
7. Aceptación das bases do concurso.
A participación no premio supón a plena aceptación das súas bases.
8. Confidencialidade e dereitos de propiedade intelectual.
O contido dos póster que se presenten, así como tódolos datos e documentación achegada, terán carácter absolutamente confidencial e acceso restrinxido, e como tales serán tratados tanto pola organización dos premios como polo xurado.
9. Premiados en edicións anteriores.
-
XV SGAPEIO (Santiago de Compostela, 2021)
-
Desenvolvemento dun indicador de alta frecuencia para o seguimento da economía española, presentado por Lucía Gil Rial.
-
Bound-tightening, presentado por Ignacio Gómez Casares
-
Optimización dos circuitos de pacientes do hospital de dia de oncoloxia, presentado por Adrián González Maestro
-
XI SGAPEIO (A Coruña, 2013)
-
Estudio comparativo de selectores de ventana. Estimación tipo núcleo de la densidad, presentado por Alejandro Saavedra Nieves.
-
Teoría estadística de la trasmisión de apellidos: los procesos de ramificación de Galton-Watson, presentado por Jose Ameijeiras Alonso