A SGAPEIO

A Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións (SGAPEIO), fundada en outubro de 1992, ten como obxectivo principal a promoción e divulgación dos métodos e aplicacións da Estatística e da Investigación de Operacións no ámbito galego.


004

Para lograr os seus obxectivos, a SGAPEIO organiza congresos ordinarios e outras reunións científicas, edita boletíns de información, potencia intercambios nacionais e internacionais, fomenta a relación entre as universidades galegas e os sectores público e privado, estimula a investigación e difúndea a través de series monográficas e, en xeral, pon a Estatística e a Investigación de Operacións ao servizo da ciencia e da sociedade.

No curto espazo de tempo transcorrido dende a súa fundación, a SGAPEIO experimentou un continuo crecemento do número de asociados, pasando de 34 socios fundadores, a 174 socios individuais ademais de 6 socios institucionais na actualidade.

Socios individuais

  • Profesorado e profesionais da universidade 44%

  • Profesorado de ensino medio 16%

  • Estudantado 10%

  • Administracións públicas 13%

  • Empresas e outros (sen determinar) 17%

Socios institucionais

  • Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC

  • Grupo de Modelización, Optimización e Inferencia Estadística – MODES

  • Instituto Galego de Estatística (IGE)

  • Departamento de Estatística e Investigación de Operacións da Universidade de Vigo

  • Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela

  • Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga)

CONGRESOS ORGANIZADOS POLA SGAPEIO

Dende o momento da súa fundación a SGAPEIO amosou un gran dinamismo, adquirindo a Xunta Xestora responsable do seu funcionamento naquela etapa, o reto de celebrar nun breve prazo o primeiro Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións.

Os congresos organizados ata a data foron os seguintes:

  • I Congreso (A Coruña, 1993)

  • II Congreso (Vigo, 1995)

  • III Congreso (Lugo, 1997)

  • IV Congreso (Santiago de Compostela, 1999)

  • V Congreso (Ferrol, 2001)

  • VI Congreso (Vigo, 2003)

  • VII Congreso (Minho, Portugal, 2005)

  • VIII Congreso (Santiago de Compostela, 2007)

  • IX Congreso (Ourense, 2009)

  • X Congreso (Pontevedra, 2011)

  • XI Congreso (A Coruña, 2013)

  • XII Congreso (Lugo, 2015)

  • XIII Congreso (Ferrol, 2017)

  • XIV Congreso (Vigo, 2019)

  • XV Congreso (Santiago de Compostela, 2021)

A información sobre estes congresos pode consultarse na dirección de internet da SGAPEIO.

PUBLICACIÓNS, ACTIVIDADES DE FORMACIÓN E DE DIVULGACIÓN

Ademais da celebración dos congresos bienais, a SGAPEIO desenvolve outras moitas actividades, entre as cales destacan as seguintes:

  • Edita o boletín INFORMEST, que pretende ser una ferramenta de comunicación entre os socios, con posibilidade de participar mediante colaboracións, e con seccións fixas que informan das novas do Instituto Galego de Estatística ou de eventos relacionados coa SGAPEIO.

  • Levou a cabo a tradución ao galego do libro Á Estatística ¡en caricaturas! Este libro é de gran utilidade para todos aqueles que tentan achegarse á Estatística dunha maneira divertida. Coa tradución ao galego desta obra, a SGAPEIO trata de contribuír ao fomento e divulgación da Estatística en Galicia.

  • Convoca anualmente o concurso Incubadora de Sondeos e Experimentos para proxectos de Estatística e Investigación de Operacións realizados por estudantes da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio da Comunidade Autónoma de Galicia.

  • Organiza xornadas de fomento e divulgación da Estatística e da Investigación de Operacións en Galicia, como as organizadas co gallo do Ano Internacional da Estatística ou do Día Mundial da Estatística.

  • Organiza tódolos anos diversas actividades de formación no terreo da Estatística e da Investigación de Operacións. Estas van dirixidas aos diversos sectores da poboación, e son mostra disto os cursos de Estatística con R para profesores de ensinanza media, para persoal de PYMES ou para profesionais da saúde ou as xornadas de formación en proxectos de estatística para profesorado da ESO e bacharelato organizadas conxuntamente coa Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA).

Na páxina web da SGAPEIO pódese atopar moita información adicional sobre estas e outras actividades da Sociedade.