Cursos e talleres

Con motivo do XVI Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións están programados dous cursos:

Ademais, dentro das "I Xornadas de Innovación Docente na Estatística e Investigación de Operacións", terán lugar os seguintes obradoiros:

 

Conectando R con outras linguaxes

Ás veces, ao programar en R, atopamos unha parte do código que, aínda que é sinxela, non se executa tan rápido coma nos gustaría. Neses casos, é posible que outras linguaxes de programación de medio nivel, coma Fortran ou C, poidan realizar a mesma tarefa nun tempo computacional moito menor. Non obstante, cambiar todo o código a unha linguaxe diferente pode ser un proceso longo e custoso. Nese momento, podemos adoptar unha solución intermedia: combinar o código que xa temos en R con funcións implementadas de forma eficiente noutras linguaxes. O obxectivo deste taller é ofrecer unha breve introdución sobre como realizar este proceso, proporcionando algunhas ferramentas e nocións básicas para conectar R con outras linguaxes de programación, coma Fortran, C ou C++.

DOCENTES

 

2

Laura Davila Pena

Doutora en Estatística e Investigación de Operacións dende xaneiro do 2023, coa tese titulada "Optimization and cooperation with logistics applications", baixo a dirección dos profesores Balbina Casas-Méndez (USC) e Ignacio García-Jurado (UDC). É actualmente profesora interina no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Universidade de Santiago de Compostela. A súa investigación céntrase no estudo de problemas de rutas de vehículos e teoría de xogos cooperativa, con traballos motivados por situacións reais xurdidas en ámbitos coma o loxístico ou o sanitario. Conta con dúas publicacións en revistas internacionais de alto impacto na área da Investigación de Operacións, e máis dunha decena de aportacións a congresos, ademais de varias estadías de investigación no estranxeiro. No 2022 foi seleccionada polo EURO Wisdom Forum como unha das 12 YoungWomen4OR, distinción que ten como obxectivo dar a coñecer e promover o traballo de investigadoras novas en Investigación de Operacións.

2

Jose Ameijeiras Alonso

Doutor en Estatística e Investigación de Operacións pola Universidade de Santiago de Compostela e foi investigador posdoutoral na universidade KU Leuven de Bélxica. Na actualidade, é profesor axudante doutor no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC, desenvolvendo a súa labor docente nas facultades de Enfermería, Matemáticas e Medicina e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría; nas titulacións de grao de Enfermaría, Medicina e Intelixencia Artificial e nos mestrados en Big Data e en Técnicas Estatísticas. Conta con máis dunha decena de publicacións en artigos de investigación e en capítulos de libro, colaborando con outros expertos do ámbito da estatística, así coma doutras áreas (como as ciencias ambientais ou a historia). As súas principais liñas de investigación son a estatística non paramétrica e os datos direccionais. Ademais, é un dos creadores da librería multimode e colaborou no paquete NPCirc de R. Pódese encontrar unha información máis detallada na súa páxina web:
https://jose-ameijeiras.netlify.app

 

Python e Shiny

Python é unha das linguaxes de programación máis usadas na actualidade, en gran parte debido á súa versatilidade. É unha linguaxe de alto nivel que se pode empregar para diversos propósitos como o densenvolvemento de software, scripts web, ou enxeñería de datos. Está creado baixo unha licencia de código aberto e conta cun amplo catálogo de funcións integradas na súa biblioteca estándar.
Pola súa parte, Shiny é unha librería que permite crear aplicacións interactivas de forma sinxela. Ata agora, Shiny estaba dispoñible só con R, pero na actualidade xa se creou a librería para Python. Desta forma é posible crear aplicacións con visualizacións interactivas empregando unicamente código Python e sen ter ningún coñecemento de programación web.
Neste obradoiro abordaremos unha introdución á programación con Python e empregaremos esta linguaxe para crear aplicacións sinxelas con Shiny que nos permitan ver todo o potencial destas ferramentas.

 

DOCENTE

 

2

Marta Rodríguez Barreiro

Marta Rodríguez Barreiro (Santiago de Compostela, 1990) é investigadora contratada no Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). Graduada en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), cursou un mestrado en Profesorado de Educación Secundaria na USC, e posteriormente cursou outro mestrado de Estatística e Investigación de Operacións na Universitat Politécnica de Catalunya (UPC), con especialidade en Investigación de Operacións. Actualmente está realizando a súa tese de doutoramento baixo a supervisión da Dra. María Luisa Carpente Rodríguez e a Dra. Silvia María Lorenzo Freire na Universidade da Coruña (UDC). O título da mesma é “Optimización de recursos en problemas loxísticos”. Traballou como investigadora durante dous anos no Institut de Recerca de l’Energia de Catalunya (IREC) en proxectos relacionados co campo das enerxías renovables. Tamén traballou no Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) desenvolvendo diversos algoritmos para a loita contra os incendios forestais, aplicando técnicas propias da estatística e da investigación de operacións, traballo que continúa a desenvolver agora no CITMAga

 

Ferramentas para traballar a Estatística e a Investigación de Operacións na aula

Neste obradoiro empregaremos ferramentas de libre acceso nas aulas, como Maxima ou R. Revisaremos con estes software os contidos aplicados das materias do ámbito das matemáticas en calquera dos niveis educativos do ensino medio, así como, a súa ilustración con exemplos da vida real.

DOCENTES

 

2

María José Ginzo Villamayor

Mª José Ginzo Villamayor (A Pontenova, 1978), é Investigadora no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización (USC) dende o ano 2008. Licenciada en Matemáticas coa especialidade en Estatística e Investigación Operativa, pola USC, cursou un posgrao en Estatística na Universidade de Porto (Portugal), o Mestrado Interuniversitario en Técnicas Estatísticas (USC) e obtivo o seu doutoramento en Estatística e Investigación de Operacións en maio de 2022 coa tese titulada “Statistical Techniques in Geolinguistics. Onomastic modeling” baixo a supervisión da Prof. Dra. Rosa Mª Crujeiras Casais. Traballa como Técnico Superior de Investigación no Grupo Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións - Modestya (USC) e ten impartido cursos en entidades como AGACA, Arcelor, Consello de Contas de Galicia, Misión Biológica de Galicia (CSIC), Tecnocom ou na proia USC, entre outros.

2

Alejandro Saavedra Nieves

Alejandro Saavedra Nieves (Santiago de Compostela, 1990) é doutor en Estatística e Investigación Operativa desde marzo do 2019, coa tese titulada "Contributions in Cooperative Game Theory and Applications", baixo a dirección dos profesores M. Gloria Fiestras-Janeiro (UVigo) e Ignacio García-Jurado (UDC). Na actualidade, é profesor axudante doutor no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC. Ten máis dunha ducia de artigos abordando diferentes problemas da Investigación de Operacións, máis concretamente, da Teoría dos Xogos Cooperativos e os problemas computacionais asociados á obtención de solucións neste campo.


 

Te lo cuentan los datos

Te lo cuentan las matemáticas é un proxecto de divulgación das matemáticas. Con el preténdese mellorar a educación matemática na última etapa de Educación Primaria e primeiros cursos de Educación Secundaria, dende un punto de vista científico, tecnolóxico, transversal, funcional, histórico e de xénero. Preténdese así contribuír a fomentar a utilidade social e económica das matemáticas, facilitando o achegamento entre as matemáticas e outras ciencias experimentais, humanísticas e sociais, así coma con outros ámbitos culturais, artísticos e sociais. Nesta tarefa é esencial promover actitudes e comportamentos favorables cara ás matemáticas coma unha ferramenta necesaria e omnipresente na vida cotiá e na comprensión do mundo; aumentando así a interese, o gusto e a curiosidade cara elas.
O proxecto desenvólvese en bloques temáticos con talleres e encontros con mozas matemáticas. Un dos bloques, Te lo cuentan los datos, está adicado á probabilidade e á estatística e inclúe dous talleres de título Te lo cuenta una epidemióloga.

A formación nos talleres sobre datos Te lo cuenta una epidemióloga está dirixida a profesorado de Educación Primaria e Secundaria, co obxectivo de que posteriormente poidan implementar os talleres nas súas aulas. A formación consta dun taller manipulativo e dun taller tecnolóxico.
No taller manipulativo preténdese que os participantes adquiran conceptos de probabilidade a través de materiais coma dados, vasos ou moedas. A través da realización de diversos experimentos e da toma de datos asociada, abórdanse os conceptos de probabilidade experimental e probabilidade teórica. A partir deste estudo realízanse predicións aplicadas a xogos de mesa.
No taller tecnolóxico realízase un tratamento dos datos dun partido de baloncesto, co obxectivo de axudar ao adestrador a tomar boas decisións que o axuden a gañar o partido. Para iso, úsase unha folla de cálculo que permite realizar unha análise destes datos utilizando ferramentas de estatística descritiva: medidas estatísticas, representacións gráficas.

DOCENTES

 

2

Marta Pérez Rodríguez

Marta Pérez Rodríguez é Doutora en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela, profesora Titular do Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo e membro do CITMAga (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia). Dende o ano 2018 é profesora da Área de Didáctica das Matemáticas, sendo docente nos Graos de Educación Primaria e Infantil e no Mestrado en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria. A súa tarefa investigadora céntrase no ámbito da Xeometría Alxebraica, labor que compartiu nos últimos anos coa divulgación e a innovación en didáctica das matemáticas. Como coordinadora do grupo de innovación docente MaReMa (Materiales e Recursos en Matemáticas) dirixe proxectos de divulgación e innovación docente coma Te lo cuentan las matemáticas (FECYT) e proxectos ApS de educación matemática en persoas con diversidade intelectual. É coautora do libro de divulgación Te lo cuentan las matemáticas (Octaedro, 2022).

2

Beatriz Álvarez Díaz

Beatriz Álvarez Díaz é Investigadora en Formación no Departamento de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e membro de CITMAga (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia). Está a realizar a súa tese doutoral na área de Xeometría Alxebraica. Pertence ao grupo de innovación docente MaReMa (Materiais e Recursos en Matemáticas) e está involucrada en diversos proxectos de divulgación das matemáticas orientados a distintas idades e etapas educativas, enfocados tanto cara ao sistema educativo coma a diversos sectores da sociedade. Forma parte do proxecto de divulgación e innovación docente Te lo cuentan las matemáticas (FECYT) e tamén é coautora do libro de divulgación do mesmo nome Te lo cuentan las matemáticas (Octaedro, 2022). É membro da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española (RSME) dende 2022.